altA empresa NH Obradoiro, filial da multinacional da explotación NH HOTELES, dálle unha nova volta de porca ás súas prácticas represivas, presionando a todo o persoal do centro de traballo á sinatura dun documento "refugando" os métodos de acción sindical da CUT na defensa das compañeiras e compañeiros da Sección Sindical represaliados e en concreto, do compañeiro e delegado Leonardo Da Cruz Blanco.

A CUT iniciará as medidas legais e sindicais axeitadas contra a distribución deste documento dentro do centro de traballo e as presións da Dirección para obrigar ao cadro de persoal á súa sinatura. A CUT quere tamén denunciar que detrás deste documento está a delegada de persoal de CCOO no centro, e dúas 1ªs Xefas de Departamento do Hotel (mandos intermedios), que están a atemorizar aos compañeiros e compañeiras do centro de traballo coa ameaza de peche do Hotel se a CUT continúa coas súas prácticas sindicais conscientes de defensa dos dereitos colectivos, tales como as concentracións e os puntos informativos no centro.

Doutra banda, a Secretaría Xeral da Central Unitaria de Traballadores e Traballadoras vén de solicitar unha xuntanza urxente coa Dirección o luns desta semana e para hoxe, venres, que foi trasladada onte e "por motivos de axenda" para o 6 de xuño pola dirección do Hotel. Se esta multinacional pensa que a nosa Central Sindical vai permitir máis un despedimento mentres dilatan as xuntanzas, está ben trabucada.

A primeiros da semana que vén a CUT fará público un calendario de mobilizacións. Para este luns, marcáronse xuntanzas bilaterais coas responsábeis de Hostalería de CCOO, UGT e a CIG, á agarda da adhesión a unha loita que é de fondo, e a obter un compromiso de unidade sindical contra as vulneracións gravísimas neste Hotel. Daremos conta dos resultados destas xuntanzas.

Contra a represión sindical, xuntas e xuntos podemos!

 

Prensa

altO pasado 10 de maio, nun exercicio de solidariedade co movemento estudantil que se leva activando decote contra os recortes no ámbito universitario, a CUT reforzou nas rúas o seu compromiso aberto, como central sindical galega e de clase, coa resistencia activa de todos os sectores sociais afectados polas políticas de destrución do común, e mais sobre todo, dos servizos públicos esencias e dos dereitos sociais, que están a ser dinamitados polas forzas activas do neoliberalismo, que coordenan en Europa hoxe e tamén no conxunto do mundo, unha agresión de dimensión global contra as clases traballadoras e as clases populares no seu conxunto.

Baixo lendas como "Contra o saqueo do ensino público", ou "Por un ensino 100% gratuíto, galego e de calidade. Lume ao privado!" as comarcas da Central Unitaria de Traballadores e Traballadoras e a recentemente constituída CUT-Mocidade, tomaron a rúa onda milleiros de estudantes e coa cidadanía inqueda coas políticas antipopulares do goberno español e da Xunta de Galicia, nunha xornada de loita que enceta agora unha dinámica de socialización da loita por este servizo público esencial, conquistado na historia a través da loita activa e consciente da clase traballadora.

A CUT valora o éxito desta xornada nacional, que non puido sequera verse esvaído pola constante miopía das centrais sindicais maioritarias que seguen a optar, incomprensibelmente, polo veto e o sectarismo sindical, monopolizando as mobilizacións e excluíndo toda a pluralidade de voces que constitúen unha xa ampla resposta social contra os recortes. Seguimos reclamando, máis unha vez, un exercicio de xenerosidade sindical encamiñado a coordenar os esforzos de todas as organizacións e toda a cidadanía comprometida activamente na defensa dos intereses da clase traballadora e das clases populares. Só a unidade xenerosa, humilde e a coordenación dos nosos esforzos, servirá de panca para tombar ao Capital.

A CUT chama a todas as organizacións sindicais do estudantado que estiveron nas rúas (Liga Estudantil, Comités, Agir, Sindicato de Estudantes, Revoluciona a USC), ás asembleas estudantís de base que se espallan polo País (como a de Pedagoxía en Compostela, ou a de Estudantes de Coia en Vigo entre moitas), e tamén a todas aquelas seccións sindicais de traballadoras e traballadores públicos e ás centrais sindicais que como a CIG compartiron esta xornada connosco, a xerarmos sinerxias para entre todas e todos, izarmos a bandeira social da defensa dun ensino público, universal, nacional, gratuíto e ao servizo das clases populares galegas. Un ensino de calidade para todas e todos nós.

Prensa

altTan só tres semanas despois de que o goberno do Partido Popular anunciara unha tallada presupostaria de 10.000 millóns de euros destinada a desestruturar o sistema público de sanidade e de ensino, e logo de desenvolver diversas iniaciativas políticas de corte nacional-católico para asegurar o sometemento do corpo das mulleres traballadoras a través da expropiación dos seus dereitos reprodutivos e a supresión das axudas á dependencia, cun mercado de coidados sustentado case en exclusiva por mulleres de clase obreira, a dereita española vén demostrar a insuficiencia e a demagoxia do seu discurso da austeridade logo de facerse público o plan de inxección de 10.000 millóns de euros no rescate de Bankia, a entidade dirixida até hoxe por Rodrigo Rato, ex-vicepresidente do goberno de Aznar.

No seo dunha crise da entidade da actual, a clase propietaria está a demostrar a súa intención de que sexa o conxunto do pobo traballador quen se faga cargo dos restos dun festín no que empesariado e banca, agora en rexime self-service, agora co persoal de servizo das diferentes administracións, celebrabaron a presión constante da riqueza cara arriba, acumulada a cada vez en menos mans. E non só, senón que no duro contexto económico, social e político que está a vivir a clase traballadora e as clases populares no seu conxunto, ven a posibilidade de saquear as caixas públicas con rescates millonarios da banca e, tamén, das grandes empresas.

Ler máis...

Prensa

A Central Unitaria de Traballadoras e Traballadores (CUT) apoia incondicionalmente as mobilizacións convocadas en toda Galiza para o próximo xoves 10 de Maio en loita por un ensino público, galego, de calidade e de balde.

Neste momento no que a dereita españolista e reaccionaria que goberna na Xunta e na Moncloa pretende arredar ás clases traballadoras do acceso ao ensino universal, é deber fundamental do sindicalismo nacional e de clase defender sen tregua todos os dereitos conquistados e loitar frontalmente contra as agresións privatizadoras, elitistas e neoliberais da dereita española.

De feito, a recentemente constituída CUT-Mocidade participará activamente nas mobilizacións convocadas polas organizacións do estudantado e da mocidade en resposta a todas as agresións que está a sufrir o estudantado da clase obreira.

Non podemos aceptar que continúen a empregar a crise, que eles mesmos provocaron, para nos privar dos nosos dereitos e ampliar mais aínda os seus privilexios. Nos podemos tragar con un ensino tan só accesíbel para os fillos e as fillas dos mais ricos. Non podemos permitir que nos rouben o que é noso.

A pública é servizo. A privada é beneficio.

O 10 de maio todas/os á rúa!

Prensa

altA Rede de Dereitos sociais e a platoforma en defensa da terra Galiza Non Se Vende veñen de tirar do prelo o Mapa Crítico de Galiza 2012, que sitúa sobre a diversidade xeográfica galega todos aqueles puntos de conflitividade social con centro nas agresións ecolóxicas que o noso País está a sofrir, e que son visibilizados polos colectivos sociais e en defensa da terra máis diversos.

Segundo os colectivos editores este Mapa "pretende ser unha sintética plasmación gráfica das agresións e conflitos que, relacionados co medio, son sinalados e problematizados politicamente por infinidade de colectivos sociais do pais que se opoñen cotiamente á destrución que o modo de explotación capitalista impón sobre o noso territorio" E que trata "baixo tres eixos necesariamente subxectivos (medio, sociedade, economía)" de recoller cartograficamente "algúns dos elementos centrais na loita pola defensa do que é de toda a cidadanía, do Procomún: ‘esa constelación de recursos que debe ser activamente protexida e xestionada na busca de manter o ben común".

O Mapa pode sere consultado na seguinte ligazón: http://rede.blogaliza.org/files/2012/05/120502_mapacritico.pdf. A loita en defensa da terra é para a Central Unitaria de Traballadores e Traballadoras unha loita en defensa da propia supervivencia da clase traballadora galega, e por iso saúda con entusiasmo esta iniciativa do tecido social nacional galego.

Prensa

altA CUT pon en coñecemento da sociedade civil o último acto empresarial da Dirección de Recursos Humanos de NH Hoteles, que vén de encetar un expediente disciplinario contra o noso Secretario Comarcal Leonardo Da Cruz Blanco, traballador do centro NH Obradoiro de Compostela, nunha nova tentativa de encauzar o seu despedimento inmediato como freo para a súa actividade sindical.

Mentres de cara a galería acollen actos beneficentes e emprenden campañas de lavado de imaxe, de portas para dentro esta multinacional está a desenvolver unha razzia contra a nosa central sindical, que se concretou co despedimento o ano pasado de tres compañeiras do NH Obradoiro, recorridos xudicialmente, e que se está a ensañar no caso do compañeiro, con actitudes dirixidas ao seu illamento e desacreditación no centro de traballo, así como a impedir por todos os medios o desenvolvemento das súas tarefas como Secretario Comarcal desta central.

A incomunicación co exterior, a redución unilateral do seu crédito horario sindical, a desacreditación da CUT dentro e fóra do centro de traballo, son algunhas das estratexias que a Dirección Local da empresa, en conexión co Director de Recursos Humanos para a España e Portugal están a desenvolver, para impedir mesmo o seu traballo representativo da nosa central.

Á súa vez, o despedimento que agora pretenden é só a punta do iceberg. Unha nova medida que se vén a asentar sobre unha práctica constante de desacreditación do seu traballo como cociñeiro, as ameazas veladas de represalias contra a Sección Sindical da CUT, a retirada das chaves do seu ordenador de traballo, a negativa a lle entregar documentación, o ocultamento de información ou tácticas de amedrentamento do persoal para que o illen, veñen a ser a realidade cotiá a que ten que facer fronte.

Ler máis...

Prensa

 alt

No mes de xullo do 2011, a CUT comunicoulle ós sindicatos maioritarios a necesidade de organizar unha resposta conxunta, unitaria e sobre todo asemblearia á situación do Sector Naval. Uns non tiveron tempo a falar coa CUT e outros, quedáronnos de convocar, seguimos esperando. Diciámoslles daquela, que de seguir no mamoneo, o futuro sería de chorar como nenos, o que non defendemos como homes. Diciámoslles tamén, que o problema do naval non era o “tax lease”, iso so era unha coartada da patronal do sector. Pois ben, a pesar de que o tempo transcorrido deunos a razón, seguimos esperando polos sindicatos maioritarios.

O vindeiro xoves día 10, está convocado un paro do pouco que queda de naval, obviamente o noso sindicato apoiará a convocatoria. Pero non nos enganemos, a estas alturas, xa non valen pretextos artificiais como o do “tax lease”, sobran discursos que se a Xunta debe de ir a Bruxelas, sobra a demagoxia de quenes ian de ganchete con quen se disfrazaba co buzo de Barreras, e agora queren quitarllo. O naval, claro que ten solución, pero en parámetros que nada teñen que ver co mamoneo.

O problema do naval é estructural, e mon conxuntural, xa o dicíamos fai tres anos. Se non temos capacidade de convertelo nunha gran convulsión social, acabará sendo un problema terminal. Se a estas alturas da actual crise capitalista, non temos claro que a situación hai que resolvela enfrontándose ó inimigo, unha de dúas; ou somos parvos, ou sóbranos cinismo. Non podemos desvincular a desfeita do noso sector, das políticas que emanan das grandes decisións económica da UE. Non podemos separar a conxuntura do sector naval, co rol asignado á industria periférica na Europa do capital.

So unha estratexia sindical asemblearia, que recupere a participación e a ilusión dos miles de traballadores no desemprego. Unha estratexia sustentada no tempo, e enfiada co conxunto da clase traballadora de Vigo e da nación, poderá traer esperanza e futuro para o que hoxe é un morto. Os enfoques sectoriais sen contextualizalos no escenario dramático do conxunto do mundo laboral e da sociedade, son simplemente entelequias que non van a ningún lado.

E falando de contextualizar, quen pode entender unha manifestación do sector naval o sábado día 12, o mesmo día e a mesma hora que a convocada polo Movemento 15-M? Evidentemente, calquera ten o dereito lexítimo a exponer e a manifestar os seus propios criterios, pero non é sospeitosa a convocatoria desta manifestación, cando os convocantes do 15-M, fai máis de tres meses que o fixeron púbrico? Nos, os traballadores do naval da CUT, claro que estaremos na manifestación o día 12, pero na Praza dos Cabalos, non cos sindicatos maioritarios que unha vez máis se equivocan. Porque queremos que o noso problema se resolva, nunha perspectiva económica, política, laboral e social e non ó marxe do conxunto da clase obreira e dos sectores populares. Porque ó marxe dos matices, dos enfoques, incluso das discrepancias, o día 12 hai que estar coas convocatorias do 15-M.

Prensa

A Central Unitaria de Traballadores/as secundará e formará parte das mobilizacións convocadas para o 12 M. A situación de miseria e sumisión á que nos quere someter o capitalismo e os seus xestores "legais", lease políticos da burocracia, require da xenerosidade e do esforzo de toda a clase traballadora para darlle unha resposta contundente; só coa unidade de clase enfrontaremos con éxito estes duros tempos históricos que estamos a vivir, que ao mesmo tempo son tamén unha oportunidade para espertar do soño do capitalismo e construírmos entre todos e todas un mundo xusto e baseado no común. Non caben pois sectarismos nin protagonismos baseados na ruindade dunhas siglas nin disfrazados de loitas comúns que no fondo obedecen a frustracións e protagonismos que nada teñen que ver coa clase traballadora.

Facemos un chamamento público a secundar as mobilizacións do 12 M porque no común e na unidade de clase construirase o noso futuro.

Prensa

altTras meses de traballo en boa parte das Unións Comarcais da CUT, na pasada manifestación do 1 de maio en Vigo, fixo a sua primeira aparición pública a Área da Mocidade da Central Unitaria de Traballadoras/es ou CUT-Mocidade. Unha área constituída para mellor afrontar e atender as necesidades, reivindicacións e loitas da mocidade galega da clase obreira.

A comitiva da CUT-Mocidade xuntou a moitas mozas e mozos traballadores tras unha faixa co lema Traballo digno na nosa Terra, unha palabra de orde que resume á claras a loita dunha mocidade traballadora galega condeada mais dun 50% de desemprego, a contratos precarios e á emigración coma man de obra cualificada e barata aos estados centrais do capitalismo europeo.

Na manifestación central do día do internacionalismo proletario, tamén se repartíu o primeiro número do voceiro da CUT-Mocidade, o Acorda! En próximo meses a área da mocidade abordará eidos tan importantes como a axitación e propaganda, a formación sindical de novos cadros e a moblilización.

Adiante coa CUT-Mocidade!

Prensa

Máis artigos...

Páxina 1 de 38

Inicio
Anterior
1