CUT-Ensino

alt

O PP, novo xestor dos mandatos  capitalistas  para o Estado español e para Galicia, avanza na destrución dos servizos públicos. Tres novos chanzos desta política liquidacionista asoman para o ámbito do Ensino nos últimos días:

1.- A Xunta privatiza escolas infantís.

O PP quere pór fin aos “erros”cometidos polo bipartito, os seus “excesos”: agora as Galescolas,  antes o Plan de Normalización Lingüística no Ensino... Dados a bautizar as cousas e a xente, as neonatas Galescolas pasaron a chamarse GaliñaAzul. Para eles mellor galiñas que galegas. Agora as galiñas van ser malvendidas na feira de saldos á que está abocado o sistema de ensino público. Na súa concepción dos servizos como fonte de beneficios a rede infantil é da que máis tallada se pode sacar.

A privatización do Ensino non é un invento do PP. O sistema agradécelle aos anteriores xestores socialdemócratas (PSOE e outros) a súa laboura, porque tamén eles mantiveron ou aumentaron os concertos coa privada, as prevendas á Igrexa católica, a mercantilización da Formación profesional ( mesmo pola vía dos fondos de formación para sindicatos afíns e empresarios), o abandono da rede pública…Pero son insaciables.

Os novos xestores van a máis, o seu esquema social de traballadores escravizados, desregulados, complétase cun exército de parados en lista de espera permanente e cunha volta das mulleres traballadoras ao fogar do que, dende a súa visión fundamentalista, nunca deberon marchar. Veñen de privatizar as escolas infantís ao tempo que aproban unha suba das tarifas das garderías. Fóra a Lei de Dependencia, fóra a Conciliación, fóra garderías…

2.- O bacharelato terá unha duración de tres cursos.

O aumento dun ano de bacharelato, loado no seu momento por toda a prensa “amiga” , supón a redución dun curso da ESO. Suman un curso de ensino postobrigatorio e reducen un do obrigatorio. Algún sindicato “amigo” xa avisa do maior beneficio que conleva a medida para os concertos da privada. As cifras que en Galicia indican un 70% de alumnado na rede pública deben ser invertidas. Menos ensino público, menos obrigatorio, menos universal, menos gratuíto…

3.- O profesorado da pública contará con asistencia xurídica.

A Consellería de Educación vén de anunciar con rebumbio un novo servizo de asistencia xurídica para o profesorado da rede pública. O servizo será prestado (¡) pola empresa “Legalitas”. A empresa privada “Legalitas” vai ser a valedora do profesorado. Por suposto o tema da Responsabilidade Civil queda excluído. Traballadores públicos defendidos pola empresa privada? Algúns parvos aínda han sentirse diferentes ao común dos traballadores, como cando deixan os seus fillos e fillas en mans da privada ou cando van aos médicos das mutualidades renegando da Seguridade Social.

Concluíndo, que nos devolvan o roubado.
 

Ensino

O pasado 9 de setembro máis 10000 persoas percorreron as rúas de Compostela en defensa da ESCOLA PÚBLICA. Non só docentes, toda a comunidade escolar reacciona contra as políticas aniquiladoras da Xunta de Galicia.

Non defendemos ningún privilexio, como demagoxicamente repiten aqueles que se dedican a emporcallar a imaxe do profesorado. Claro, non son os profesores e mestres dos seus fillos.

Defendemos un ensino público e de calidade, non de beneficencia. O aumento da carga lectiva coa implícita supresión de profesorado; o continuo peche de unitarias, liñas de infantil, itinerarios curriculares na ESO e no Bacharelato; o desmantelamento dos reforzos, desdobres e demais medidas compensatorias para o alumnado con dificultades; as agresións ao noso idioma e a regresión do seu uso nas aulas; o continuo desvío de fondos en distintos programas para as escolas concertado-privadas. Estes, e non outros, son os motivos da contestación que medra e medra ante as agresións continuas ao ensino público.

A CUT mobilizouse o pasado 9 de setembro, e celebra a unidades sindical desta protesta. Apoiamos, como non pode ser doutro xeito, as folgas do 21 e 27 se setembro.

Mais na CUT pensamos que cómpre ir máis alá e non pararmos nestas folgas puntuais que só expresan o noso malestar. Urxe un PARO INDEFINIDO, non só do profesorado, senón que conte tamén con toda a comunidade educativa. Un paro activo que vaia moito máis alá de quedar na casa: chamamos á ocupación física do espazo educativo público, ao PECHE en cada centro do profesorado e dos sectores máis conscientes da comunidade escolar: pais e nais, persoal non docente, deben ser tamén protagonistas no combate para garantir os mínimos dos dereitos sociais.

POR UNHA ESCOLA PÚBLICA E DE CALIDADE. NON AOS RECORTES EN EDUCACIÓN.

 

FOLGA INDEFINIDA XA!

Ensino

Ante o malestar maioritario dos profesores de 2º de Bacharelato da materia de Filosofía, pola actuación e conduta do coordinador da CIUG, D. Rafael Martínez Castro, a CUT-Ensino manifesta:

- Efectivamente, o descontento do citado colectivo está sobradamente xustificado por múltiples razóns, entre as cales salientamos as seguintes:

1.- O deseño do programa, fundamentalmente en canto á súa amplitude –máxime considerando a redución do horario para impartir a materia (2 horas semanais en 1º Bacharelato e 3 horas en 2º Bacharelato)– que fai inviábel a súa realización

Ler máis...

Ensino

alt

No contexto de desmantelamento dos servizos públicos que estamos a vivir, a Consellería de Educación comeza o novo curso académico cun plano de recortes sumamente agresivo que debe contar cunha resposta masiva de toda a comunidade educativa afectada, comezando polo apoio á manifestación unitaria de Compostela do vindeiro venres 9 de setembro.

O incremento do horario lectivo do profesorado, aprobado a finais do pasado curso, foi vendido como un aumento de atención ao alumnado agochando o verdadeiro interese: o recorte do número de docentes nos centros. Así quedaría demostrado cando, no mes de xullo, a presentación das modificacións do catálogo dos cadros de persoal no corpo dos mestres, materializaba á supresión de 161 postos de traballo.

Mais, por se aínda ficase algunha dúbida da natureza da ofensiva ultraliberal, o pasado 19 de agosto, a Consellería anunciaba o incremento de 9 unidades concertadas máis con centros privados, no que viña supor un insulto á intelixencia de todas e todos, que debería aguilloar á clase traballadora galega.

Cómpre entender que nos atopamos nun momento decisivo no que a pasividade e conformismo traerán un modelo de ensino elitista que afondará nas desigualdades sociais e deixará sen futuro ao pobo traballador. Por todo isto, a CUT estará o vindeiro venres 9 de setembro na manifestación unitaria que arrancará ás 11:30 da Alameda compostelá e participará activamente nas folgas xerais dos días 21 e 27 no ensino público non universitario. Cremos que é tempo de respostar masiva e unitariamente á vaga privatizadora e en defensa dun ensino laico, público e en galego.

Ensino

Porque se trata dunha norma lesiva e regresiva contra o único idioma propio de Galicia, contraria a normas de rango superior como a Lei de Normalización Lingüística e o propio Estatuto.

Porque couta as posibilidades de adquirir coñecementos do ámbito científico e tecnolóxicos na nosa lingua.

Porque se pechan as liñas en galego en educación infantil, na busca de eliminar o coñecemento do idioma nas áreas máis castelanizadas de Galicia.

Porque a Consellería e a Inspección educativa  nunca velaron polo cumprimento dos mínimos e tímidos avances a prol do galego nas anteriores normas.

Porque a única liberdade está no coñecemento e nunca na ignorancia, non podemos permitir que varias xeracións de galegos medren sen contacto ningún co idioma que nos define como colectividade.

Por iso a CUT ENSINO dá todo o seu apoio ao profesorado que se nega a cumprir o decreto do plurilingüismo ou contra o galego.

Ensino

Máis artigos...

Páxina 1 de 2

Inicio
Anterior
1