O Grupo Pescanova ven de ser denunciado ante o Tribunal Permanente dos Pobos pola súa "política empresarial", esa que fai que cada mes aumenten os seus beneficios. E como logran esa acumulación tan cacarexada nos medios do sistema? Faino explotando aos traballadores e traballadoras.
Eramos coñecedores do que están a facer nas súas factorías de Chapela e O Porriño -despedimentos, pactos escuros cos sindicatos amarelos, mobilidade inxustificada, vixiancias de carácter poliicial aos traballadores e traballadoras- e agora sabemos que isto non é nada co que están a facer na súa delegación de Nicaragüa, onde reviven as relacións de produción descritas por Marx no século XIX.
Pescanova inaugurou esta factoría no ano 2008, cunha superficie duns 20.000 metros cadrados, e dous anos despois xa é coñecida polas súas prácticas escravistas: violación dos dereitos laborais e sindicais, contaminación e destrución ambiental e desprazamento forzoso das cooperativas e comunidades locais coa conseguinte destrución da identidade produtiva, cultural e histórica, e obrigando a que eses sistemas de produción autóctonos e comunitarios se endebeden ata ter que ceder ante o monopolio. Todo vale no nome do deus capital.
Aqueles ou aquelas que intentan exercer os seus dereitos sindicais son despedidos, as xornadas laborais son de 12 horas -en temporada alta aumentan estes periodos- sen pausa para bocadillo, restriccións para ir ao baño, iluminación artificial de mala calidade, falta de ventilación...
O Grupo Pescanova obtén beneficios e máis beneficios destruíndo as economías locais e acabando con sistemas de vida comunitaria en favor da omnipresenza do monopolio escravista. Esta situación xa foi denunciada en Chile, agora en Nicaragüa, mentres non deixan de recibir subvencións de cartos públicos por parte dos políticos corruptos e gabanzas dende os medios de comunicación
Internacional
