prensa

altA empresa NH Obradoiro, filial da multinacional da explotación NH HOTELES, dálle unha nova volta de porca ás súas prácticas represivas, presionando a todo o persoal do centro de traballo á sinatura dun documento "refugando" os métodos de acción sindical da CUT na defensa das compañeiras e compañeiros da Sección Sindical represaliados e en concreto, do compañeiro e delegado Leonardo Da Cruz Blanco.

A CUT iniciará as medidas legais e sindicais axeitadas contra a distribución deste documento dentro do centro de traballo e as presións da Dirección para obrigar ao cadro de persoal á súa sinatura. A CUT quere tamén denunciar que detrás deste documento está a delegada de persoal de CCOO no centro, e dúas 1ªs Xefas de Departamento do Hotel (mandos intermedios), que están a atemorizar aos compañeiros e compañeiras do centro de traballo coa ameaza de peche do Hotel se a CUT continúa coas súas prácticas sindicais conscientes de defensa dos dereitos colectivos, tales como as concentracións e os puntos informativos no centro.

Doutra banda, a Secretaría Xeral da Central Unitaria de Traballadores e Traballadoras vén de solicitar unha xuntanza urxente coa Dirección o luns desta semana e para hoxe, venres, que foi trasladada onte e "por motivos de axenda" para o 6 de xuño pola dirección do Hotel. Se esta multinacional pensa que a nosa Central Sindical vai permitir máis un despedimento mentres dilatan as xuntanzas, está ben trabucada.

A primeiros da semana que vén a CUT fará público un calendario de mobilizacións. Para este luns, marcáronse xuntanzas bilaterais coas responsábeis de Hostalería de CCOO, UGT e a CIG, á agarda da adhesión a unha loita que é de fondo, e a obter un compromiso de unidade sindical contra as vulneracións gravísimas neste Hotel. Daremos conta dos resultados destas xuntanzas.

Contra a represión sindical, xuntas e xuntos podemos!

 

Prensa

altA CUT pon en coñecemento da sociedade civil o último acto empresarial da Dirección de Recursos Humanos de NH Hoteles, que vén de encetar un expediente disciplinario contra o noso Secretario Comarcal Leonardo Da Cruz Blanco, traballador do centro NH Obradoiro de Compostela, nunha nova tentativa de encauzar o seu despedimento inmediato como freo para a súa actividade sindical.

Mentres de cara a galería acollen actos beneficentes e emprenden campañas de lavado de imaxe, de portas para dentro esta multinacional está a desenvolver unha razzia contra a nosa central sindical, que se concretou co despedimento o ano pasado de tres compañeiras do NH Obradoiro, recorridos xudicialmente, e que se está a ensañar no caso do compañeiro, con actitudes dirixidas ao seu illamento e desacreditación no centro de traballo, así como a impedir por todos os medios o desenvolvemento das súas tarefas como Secretario Comarcal desta central.

A incomunicación co exterior, a redución unilateral do seu crédito horario sindical, a desacreditación da CUT dentro e fóra do centro de traballo, son algunhas das estratexias que a Dirección Local da empresa, en conexión co Director de Recursos Humanos para a España e Portugal están a desenvolver, para impedir mesmo o seu traballo representativo da nosa central.

Á súa vez, o despedimento que agora pretenden é só a punta do iceberg. Unha nova medida que se vén a asentar sobre unha práctica constante de desacreditación do seu traballo como cociñeiro, as ameazas veladas de represalias contra a Sección Sindical da CUT, a retirada das chaves do seu ordenador de traballo, a negativa a lle entregar documentación, o ocultamento de información ou tácticas de amedrentamento do persoal para que o illen, veñen a ser a realidade cotiá a que ten que facer fronte.

Ler máis...

Prensa

Máis unha vez, as rúas do noso País, vínronse atronadas pola pluralidade de voces nas que a indignación cos abusos políticos, sociais e económicos do Capital. Nas diversas cidades de Galiza, os sectores máis activos e xenerosos da clase traballadora, marcharon por milleiros baixo consignas como "O capitalismo é o terrorismo", "Non se xoga coa clase traballadora" e outras moitas voces que denuncian os efectos devastadores da xestión neoliberal nas vidas da maioría social: "Que pasa, que pasa, que non temos casa".

 

Prensa

altO pasado 10 de maio, nun exercicio de solidariedade co movemento estudantil que se leva activando decote contra os recortes no ámbito universitario, a CUT reforzou nas rúas o seu compromiso aberto, como central sindical galega e de clase, coa resistencia activa de todos os sectores sociais afectados polas políticas de destrución do común, e mais sobre todo, dos servizos públicos esencias e dos dereitos sociais, que están a ser dinamitados polas forzas activas do neoliberalismo, que coordenan en Europa hoxe e tamén no conxunto do mundo, unha agresión de dimensión global contra as clases traballadoras e as clases populares no seu conxunto.

Baixo lendas como "Contra o saqueo do ensino público", ou "Por un ensino 100% gratuíto, galego e de calidade. Lume ao privado!" as comarcas da Central Unitaria de Traballadores e Traballadoras e a recentemente constituída CUT-Mocidade, tomaron a rúa onda milleiros de estudantes e coa cidadanía inqueda coas políticas antipopulares do goberno español e da Xunta de Galicia, nunha xornada de loita que enceta agora unha dinámica de socialización da loita por este servizo público esencial, conquistado na historia a través da loita activa e consciente da clase traballadora.

A CUT valora o éxito desta xornada nacional, que non puido sequera verse esvaído pola constante miopía das centrais sindicais maioritarias que seguen a optar, incomprensibelmente, polo veto e o sectarismo sindical, monopolizando as mobilizacións e excluíndo toda a pluralidade de voces que constitúen unha xa ampla resposta social contra os recortes. Seguimos reclamando, máis unha vez, un exercicio de xenerosidade sindical encamiñado a coordenar os esforzos de todas as organizacións e toda a cidadanía comprometida activamente na defensa dos intereses da clase traballadora e das clases populares. Só a unidade xenerosa, humilde e a coordenación dos nosos esforzos, servirá de panca para tombar ao Capital.

A CUT chama a todas as organizacións sindicais do estudantado que estiveron nas rúas (Liga Estudantil, Comités, Agir, Sindicato de Estudantes, Revoluciona a USC), ás asembleas estudantís de base que se espallan polo País (como a de Pedagoxía en Compostela, ou a de Estudantes de Coia en Vigo entre moitas), e tamén a todas aquelas seccións sindicais de traballadoras e traballadores públicos e ás centrais sindicais que como a CIG compartiron esta xornada connosco, a xerarmos sinerxias para entre todas e todos, izarmos a bandeira social da defensa dun ensino público, universal, nacional, gratuíto e ao servizo das clases populares galegas. Un ensino de calidade para todas e todos nós.

Prensa

 alt

No mes de xullo do 2011, a CUT comunicoulle ós sindicatos maioritarios a necesidade de organizar unha resposta conxunta, unitaria e sobre todo asemblearia á situación do Sector Naval. Uns non tiveron tempo a falar coa CUT e outros, quedáronnos de convocar, seguimos esperando. Diciámoslles daquela, que de seguir no mamoneo, o futuro sería de chorar como nenos, o que non defendemos como homes. Diciámoslles tamén, que o problema do naval non era o “tax lease”, iso so era unha coartada da patronal do sector. Pois ben, a pesar de que o tempo transcorrido deunos a razón, seguimos esperando polos sindicatos maioritarios.

O vindeiro xoves día 10, está convocado un paro do pouco que queda de naval, obviamente o noso sindicato apoiará a convocatoria. Pero non nos enganemos, a estas alturas, xa non valen pretextos artificiais como o do “tax lease”, sobran discursos que se a Xunta debe de ir a Bruxelas, sobra a demagoxia de quenes ian de ganchete con quen se disfrazaba co buzo de Barreras, e agora queren quitarllo. O naval, claro que ten solución, pero en parámetros que nada teñen que ver co mamoneo.

O problema do naval é estructural, e mon conxuntural, xa o dicíamos fai tres anos. Se non temos capacidade de convertelo nunha gran convulsión social, acabará sendo un problema terminal. Se a estas alturas da actual crise capitalista, non temos claro que a situación hai que resolvela enfrontándose ó inimigo, unha de dúas; ou somos parvos, ou sóbranos cinismo. Non podemos desvincular a desfeita do noso sector, das políticas que emanan das grandes decisións económica da UE. Non podemos separar a conxuntura do sector naval, co rol asignado á industria periférica na Europa do capital.

So unha estratexia sindical asemblearia, que recupere a participación e a ilusión dos miles de traballadores no desemprego. Unha estratexia sustentada no tempo, e enfiada co conxunto da clase traballadora de Vigo e da nación, poderá traer esperanza e futuro para o que hoxe é un morto. Os enfoques sectoriais sen contextualizalos no escenario dramático do conxunto do mundo laboral e da sociedade, son simplemente entelequias que non van a ningún lado.

E falando de contextualizar, quen pode entender unha manifestación do sector naval o sábado día 12, o mesmo día e a mesma hora que a convocada polo Movemento 15-M? Evidentemente, calquera ten o dereito lexítimo a exponer e a manifestar os seus propios criterios, pero non é sospeitosa a convocatoria desta manifestación, cando os convocantes do 15-M, fai máis de tres meses que o fixeron púbrico? Nos, os traballadores do naval da CUT, claro que estaremos na manifestación o día 12, pero na Praza dos Cabalos, non cos sindicatos maioritarios que unha vez máis se equivocan. Porque queremos que o noso problema se resolva, nunha perspectiva económica, política, laboral e social e non ó marxe do conxunto da clase obreira e dos sectores populares. Porque ó marxe dos matices, dos enfoques, incluso das discrepancias, o día 12 hai que estar coas convocatorias do 15-M.

Prensa

Máis artigos...

Páxina 1 de 40

Inicio
Anterior
1