alt

O sector das Artes Escénicas está a levar a cabo unha serie de mobilizacións en resposta ao desmantelamento cultural que está a padecer o país, por inacción dos seus responsabeis políticos: a AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais), a Consellería de Cultura e Xunta de Galicia. Por medio dun comunicado que está sendo apoiado por outros colectivos do eido da cultura, denuncian a falta de proxectos e plans de futuro para unha actividade, a escénica, que non só afecta directamente aos centos de traballadores e traballadoras que a desenvolven; atinxe tamén á cidadanía galega (o público) para a que traballan, que paso a paso ve como cultura galega fica marxinada, ao tempo que se deseñan e apoian políticas culturais ás que só terán acceso ás elites. Todo o contrario á democracia.

Desde a CUT amosamos a nosa solidariedade coas compañeiras e compañeiros e, a seguir, reproducimos o seu comunicado.

COMUNICADO DO SECTOR DAS ARTES ESCÉNICAS

A Cultura do noso país está a sufrir unha dobre crise. Á crise económica xeral súmase a da política sen proxecto nin plans de futuro, de improvisación e desidia, de mala xestión e ineficacia administrativa dos responsables da AGADIC, da Consellería de Cultura e da Xunta de Galicia.

No sector das Artes Escénicas aprovéitase a coartada da crise económica e do enorme lastre da Cidade da Cultura para meter as tesouras aplicando recortes porcentualmente desproporcionados aos que se engade o incumprimento de acordos, compromisos e orzamentos previamente publicados.

As Artes Escénicas precisan da axuda pública que devolve como un servizo ao público. O público galego ten o dereito a gozar dos espectáculos producidos no noso país. Lonxe de velar polo desenvolvemento, promoción e difusión das Artes Escénicas de Galicia, o goberno actual está disposto a desmantelar o tecido creado nas últimas décadas. O uso e fomento da lingua galega está freado por decretos como o do plurilinguismo, a nova proposición de lei que cuestiona á CRTVG como servizo público, a falta de apoio e de axudas ao asociacionismo e á cultura de base e a priorización de proxectos alleos nun alarde de cosmopaletismo que coloca a nosa práctica escénica en condicións de marxinalidade. Abdicar dos principios básicos da nosa identidade é atacar os alicerces da nosa cultura. Semella que temos o inimigo na propia casa.

A morosidade no pagamento das facturas ás empresas do ámbito escénico que acumulan atrasos superiores aos seis meses, a demora na publicación no DOG da resolución das axudas á produción, distribución, continuidade escénica, ás Salas de Teatro e compañías residentes e a hipoteca dos orzamentos de 2011 con cargo ao ano seguinte, asfixian ao noso colectivo e impiden a mínima viabilidade económica do sector.

Por todo isto queremos alertar diante da gravísima situación na que nos atopamos que se pon en risco de subsistencia o traballo de centenares de profesionais das Artes Escénicas: actores, directores, titiriteiros, magos, bailaríns, artistas de circo, técnicos, produtores, dramaturgos, escénografos, figurinistas, iluminadores, atrezistas, músicos, responsabeis das salas, etc. Están en risco de desaparición as compañías de teatro, as Salas e os Festivais das Artes Escénicas, as empresas de servizos técnicos e loxística espectacular. Está na beira do abismo o sector das industrias culturais de Galicia que segundo os informes da propia AGADIC constitúe o 2% do PIB.

Esiximos medidas urxentes para paliar a dobre crise na que estamos mergullados. Esiximos o pagamento inmediato das facturas pendentes, a publicación urxente da resolución de axudas e o cumprimento do orzamento do ano 2011 por parte dos responsables de AGADIC e da Consellería de Cultura e, no seu defecto, a súa dimisión. Esiximos o respecto polo exercicio do noso traballo e pola dignidade do público e da cultura galega.

 

Asinado:

ESCENA GALEGA Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas

AAAG, Asociación de Actores e Actrices de Galicia

ASILGA, Asociación de Ilusionistas de Galicia

AGAG, Asociación Galega de Guionistas

MPG, Magos Profesionais de Galicia

FECIGA, Federación de Cine Clubes de Galicia

AFEARTE, Asociacion de Festivais das Artes Escénicas

Prensa