|
Un ano máis estamos ás potas do 8 de marzo, día internacional da muller traballadora, pero neste caso a situación é ben distinta á dos últimos anos, non porque coseguiramos a premisa de igual a igual traballo igual salario (as mulleres seguimos a cobrar un 30% menos que os homes); non porque as mulleres teñamos unha taxa de paro igual que a dos homes (seguimos a superalos en máis de 22.000 paradas); non porque xa non sexamos despedidas ao quedar preñadas, non porque teñamos que promocionar no traballo dun xeito distinto, non porque nos deixaran de acosar no centro de traballo pola nosa condición de mulleres... Non, nada diso mudou.
A diferenza deste ano é que estamos a sofrir unha crise da que visualizamos as primeiras consecuencias económicas e laborais: paro, precariedade, inseguridade... e como era de supoñer está a ser máis dura coas mulleres, coa mocidade e coa emigración. Non podemos quedar coa idea potenciada polos autofalantes oficiais de que esta é unha crise económica, xa que estamos ante a feridade de morte da totalidade do sistema. Dun sistema que o único que supuxo foi perpetuar as agresións, as opresións e as desigualdades; xa sexan de clase, nacionais ou de xénero.
As mulleres e homes que formamos a Central Unitaria de Traballadores/as debemos estar preparadas e preparados para forxar unha nova sociedade onde a igualdade sexa a imperante. É evidente que non é tarefa fácil, pero non debemos ter medo, pois temos a lexitimidade que nos dá o fracaso do actual sistema. Somos as mulleres as que tamén precisamos esa alternativa que supoña cambios políticos, sociais, económicos e laborais, para conseguir un novo modelo de sociedade no que poderemos levar a cabo a nosa vida e onde sexamos parte activa en todos os ámbitos e espazos de decisión. Un sistema onde nós sexamos as donas dos nosos dereitos. O único xeito de levalo a cabo é cunha presenza constante na rúa, coa mobilización. A folga xeral é a ferramenta coa que a clase obreira, e polo tanto as mulleres, temos que poñer de manifesto as bases deste novo sistema. VIVA O 8 DE MARZO! VIVA A LOITA FEMINISTA! |