Hoxe entran en vigor a suba do gas (cidade e butano), da gasoliña e a suba do IVE, unha nova reforma destinada aos petos da clase traballadora que ten os salarios máis baixos, é dicir, á maioría.
Este imposto grava sobre o consumo e polo tanto non afecta a quen aforra, pero os salarios baixos non poden aforrar, todos os seus cartos están destinados ao consumo e polo tanto van perder poder adquisitivo. Nun salario de mil euros, do que se gasta todo, 180 euros irán directamente ao imposto IVE e o resto a repartir no IRPF, aluguer ou hipoteca... Imaxinemos a situación dun parado ou unha parada que subsiste coa miseria dos 420 euros. Unha agonía.
Ao mesmo tempo que aproban esta medida deixan na caverna do esquecemento atacar a fraude fiscal, coa que poderían recadar 38.000 millóns de euros, é dicir, 6 veces máis do que recadarán co novo IVE. Estes datos sacámolos das declaracións do Secretario Xeral de Inspectores de Facenda, José María Mollinedo, nada sospeitoso de ser un revolucionario de esquerdas.
As medidas económicas que está a tomar o goberno do PSOE, coa complicidade disimulada do PP, están a condenar á clase traballadora a unha situación de miseria que nos leva a condicións do século XIX. Queren que nos convertamos en man de obra barata de libre disposición as 24 horas do día durante os 365 días do ano; queren obrigarnos a que aceptemos calquera cousa para poder subsistir na miseria.
Todo o conseguido coa loita dos nosos pais e avós está sendo desmantelado a unha velocidade de vertixe sen oposición algunha. Os nosos fillos preguntarán que fixemos nós para evitalo, teremos que dicir que estabamos vendo o Mundial.






